Sunday 28 de April de 2024

A Xunta potencia o Turismo de Congresos co apoio a un Fam Trip de Galicia MICE


— Dez empresas especializadas neste segmento turístico visitan ata o mércores Galicia para coñecer as instalacións, servizos e recursos cos que conta a comunidade para acoller incentivos

— A Administración autonómica apoia a recuperación deste segmento a través dunha liña de axudas que desde a súa creación suma xa 700.000 euros inxectados

Co obxectivo de seguir apoiando o desenvolvemento de Galicia como un destino ideal para acoller eventos e congresos, o Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña acolleu esta mañá o comezo dunha viaxe de familiarización de empresas vencelladas co sector MICE nacional (turismo de reunións, incentivos, convencións e exposicións) interesadas en coñecer as instalacións e recursos cos que conta o noso territorio para acoller este tipo de eventos. O fam trip está impulsado por Galicia MICE coa colaboración do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu a esta primeira xornada do fam trip, no que participan dez representantes de empresas nacionais especializadas no segmento do turismo de reunións, que estará en Galicia ata o vindeiro mércores, visitando A Coruña, Santiago e Vigo.

Neste primeiro encontro, os participantes da viaxe mantiveron un workshop con outras dez empresas galegas do sector MICE, co obxectivo de establecer sinerxías que lles permitan colaborar a longo prazo.

Durante o encontro, Nava Castro aproveitou para destacar o apoio que a Administración autonómica está a brindar a este segmento, un dos máis afectados desde o comezo da crise sanitaria. Un apoio que se materializou coa creación o ano pasado dunha liña de axudas específica para o sector dotada con 500.000 euros aos que se suman os 200.000 destinados para este ano, o que supón un investimento de 700.000 euros desde o comezo da crise.

Castro aproveitou a súa participación para destacar a importancia deste segmento para o conxunto da oferta turística galega, ao tratarse dunha tipoloxía de turismo “clave pola súa capacidade desestacionalizadora e por fomentar un turismo de alto valor engadido, fundamental para descentralizar a oferta turística más alá dos destinos máis habituais”.